Colaboramos cos XV Premios Opinión da Música de Raíz
XV Premios Opinión da Música de Raíz: A nova imaxe dos galardóns
A morte do artesán Salvador Hernández, creador da figura que representou aos premios dende a primeira edición, fixo que a firma Ardentia realizase un novo deseño para ser a imaxe dos galardóns - A gala é este xoves no teatro Rosalía de Castro, da Coruña.
óscar losada | a coruña 10.05.2016 | 17:32
Ter unha imaxe representativa é moi importante para asegurar unha identidade recoñecible. Iso é o que se pretendeu no nacemento dos PREMIOS OPINIÓN cando se lle encargou ao artesán Salvador Hernández que fixese unha figura especial para os galardóns que só se puidese posuír se alguén resultaba gañador duns dos recoñecementos instaurados por este xornal e pasaba a formar parte do palmarés. O falecemento hai uns meses de Hernández provocou que a imaxe coñecida dos premios debese sufrir un cambio. Os creativos da empresa Ardentia, coa súa sede central en Bergondo, foron os escollidos para elaborar a nova figura representativa que comezará a entregarse aos gañadores na gala que se celebrará este xoves 12 de maio no teatro Rosalía.
Dende o comezo da andaina dos galardóns musicais creados por este xornal, unha idea irrenunciable era a de ter un premio representativo único, creado expresamente para recoñecer os méritos dos artistas premiados. Queriamos unha figura recoñecible que servise como imaxe de marca permanente dos premios, tal como sucede cos galardóns culturais de maior prestixio en todo o mundo, que adoitan contar cunha figura distintiva que resulta recoñecible para a xente. Así para poder posuíla era necesario formar parte do palmarés de gañadores.
Ese foi o espírito co que se lle encargou ao artesán Salvador Hernández que fixese unha figura de cerámica con plena liberdade creativa, na que a única condición imposta é que tivese algunha referencia que a ligase en certa forma á musica. O artista presentou dous proxectos e elixiuse finalmente o que se pode ver en pequeno na páxina, que se converteu na imaxe dos premios ao longo de catorce anos. O falecemento de Hernández provocou que se debese optar por realizar unha encarga a outra persoa para que deseñase unha nova figura.
A firma elixida foi Ardentia, que forma parte de Galicia Calidade e ten case tres décadas de traxectoria dende o seu nacemento.
Luís González, responsable da empresa, comenta que á hora de realizar o deseño pretenderon "dar un enfoque escultórico que contemple un galardón realizado en materiais nobres, como son as madeiras de cedro e nogueira tan arraigadas na nosa terra, conseguindo un contraste visual e aportando certa sonoridade ao proxecto".
A inspiración para dar forma á figura "veu dunha arpa celta, á que se lle deu volumes e corpo dando como resultado un premio orientado ao evento e aos verdadeiros protagonistas, que son os músicos que reciben este galardón".
Quere salientar a colaboración do luthier coruñés Javier Gastañaduy, que adoita empregar esas mesmas madeiras empregadas no galardón na construción dos seus modelos de guitarras eléctricas. Como curiosidade, dicir que Gastañaduy foi membro da banda de Susana Seivane.
González indica que o proceso de creación do galardón foi algo co que gozaron moito e, ao igual que cando deseñan as súas xoias, esperan que "o resultado non deixe indiferentes ás persoas que o reciban en forma de recoñecemento ao seu traballo." "Para nós foi un reto e un orgullo desenvolver este obxecto que acompañará aos premios durante esta nova etapa", asegura.
Como se pode comprobar nas imaxes existe unha ligazón entre as figuras, ao ter incorporadas nos dous deseños elixidos unhas cordas, un elemento co que se identifica a unha chea de instrumentos na escena musical.
Os Premios Opinión da Música de Raíz, patrocinados pola Xunta de Galicia, por medio de Agadic, o Concello da Coruña e a empresa Gadis, teñen, polo tanto, e por mor das tristes circunstancias da vida, unha nova imaxe representativa que comeza nesta décimo quinta edición e continuará no tempo.
Pasado mañá saberase quen son os primeiros músicos que o levarán ao seu fogar, ademais do berciano Amancio Prada, que xa o ten asegurado polo seu recoñecemento co Andaina Senlleira.
Os que o acadaron nas catorce anteriores edicións, xa son os únicos que poderán gabarse de ter a creación de Salvador Hernández entre os seus logros artísticos por lograr adxudicarse un dos PREMIOS OPINIÓN.