0 Elementos agregados recientemente 0,00 €

Su cesta está vacía

Agrégale productos. ¡Consulta nuestra amplia gama de productos!

IV Concurso de deseño San Eloi

IV Concurso de deseño San Eloi

O Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia, co obxecto de promover as iniciativas dos deseñadores, convoca o IV Concurso de Deseño San Eloi

Bases completas, a continuación, ou tamén na web do Coxga, en galego e castelán.

1.- Participantes
O concurso está aberto a todos os deseñadores nacionais ou estranxeiros (sexan profesionais ou non), maiores de idade.

2.- Modalidade
Sección A: Tema libre
Sección B: Temas especificados na base 3.2

3.- Premios

1.- Sección A:

Premio Óscar Rodríguez Joyeros
: realización física do deseño e participación na produción da peza no taller Óscar Rodríguez Joyeros
Premio Akros Joyeros: premio en metálico dotado con 500 euros
Premio Laboratorio Xemolóxico MLLOPIS: Curso de Xemoloxía Básica MLLOPIS online

2.- Sección B:

Premios Ardentia: Tema: Deseño dunha colección de colgante, pendentes e anel que contemple a filosofía e traxectoria
da marca Ardentia.
Indicacións realización deseño: O deseño realizarase de forma que poida ser materializado polo proceso de microfusión á cera perdida en prata de lei, podendo contar unicamente cos seguintes elementos adicionais: acibeche e esmalte.

- Primeiro premio Ardentia
: realización física do deseño en formato de colección e participación durante a preprodución nas instalacións de Ardentia.

- Segundo premio Ardentia: beca de formación por un período de 15 días na empresa Ardentia a través da cal o gañador adquirirá coñecementos sobre os procesos de deseño e fabricación habituais da marca Ardentia (uso de novas tecnoloxías, deseño 3D e prototipado).

Premio Celtia Orfebres:

Tema: Cuncha do peregrino como símbolo universal do Camiño de Santiago
Indicacións realización deseño: O deseño realizarase de forma que poida ser materializado polo proceso de microfusión á cera perdida en prata de lei, podendo contar unicamente cos seguintes elementos adicionais: acibeche e esmalte.

Premio: realización física da colección ou xoia gañadora e participación durante a preprodución nas instalacións de Ardentia.

Premio Protocloud: Os tres gañadores da Sección B recibirán, ademais, como premio adicional, un Curso de iniciación ó deseño 3D e prototipado rápido aplicado á Xoiaría co software 3Design (16 horas presenciais), ou, un Curso de técnicas básicas do proceso de fundición de xoias á cera perdida (16 horas presenciais), segundo a preferencia dos premiados.

Os premios están suxeitos a tributación a tenor do previsto na normativa vixente, sendo o cumprimento de dita obriga responsabilidade do premiado.

O xurado seleccionará de entre os participantes dez deseños finalistas, entre os que se escollerán os deseños gañadores.

Valorarase a innovación do deseño, a posibilidade de realización e a portabilidade da xoia. Todos os finalistas recibirán o correspondente diploma acreditativo de participación.

4.- Desenvolvemento do certame
Os deseños poderán presentarse impresos, ata o 19 de novembro del 2015 inclusive, na oficina do
Colexio Oficial de Xoiaría:
Rúa Ramón Cabanillas, 5-7, 2º B
15701 Santiago de Compostela (A Coruña)

en horario de apertura, de luns a venres: 9h-14 e 16h30-19h30.
A presentación poderá facerse persoalmente, por mensaxería ou por correo postal.

Cada proposta presentarase nun sobre que se entregará pechado e en cuxo interior irán outros dous sobres pechados con:
1) o deseño impreso e unha memoria do proxecto de, como máximo, unha páxina. No exterior deste sobre só se indicará a modalidade (sección A ou sección B) do deseño que se presenta.

2) o Currículo do deseñador e os seus datos completos:

nome e apelidos
data de nacemento enderezo postal completo teléfono
correo-e de contacto DNI
A ficha de inscrición debidamente asinada (dispoñible en www.coxga.es e na oficina do Colexio Oficial de Xoiaría).

Cada participante poderá presentar unha única proposta por cada modalidade.

Os deseños deberán ser orixinais e non se aceptarán propostas xa presentadas a outros certames.

A partir do 19 de novembro reunirase un xurado composto por seis profesionais representantes do sector da xoiaría, do deseño e do mundo da arte en Galicia. Tomando como base para a súa valoración a innovación do deseño, a posibilidade de realización e a portabilidade da xoia,  os membros do xurado seleccionarán os deseños finalistas e gañadores. A decisión adoptada polo xurado será inapelable.

A entrega dos premios farase nun acto público, ó que se convocarán os finalistas, na data e lugar que se determinen e que serán convenientemente comunicados a todos os participantes. A previsión é que este acto se organice durante a Gala de celebración de San Eloi, patrón dos xoieiros.

Toda a información estará sempre actualizada na web do Colexio Oficial de Xoiaría: www.coxga.es

5.- Aceptación bases e notas aclaratorias
Os participantes aceptan expresamente cumprir todas e cada unha das bases deste concurso. O seu incumprimento dará lugar á exclusión do certame. A este efecto, os participantes deben cubrir e entregar firmada a ficha de inscrición dispoñible na web www.coxga.es e na oficina do Colexio.

Os nomes e imaxes dos participantes poderán ser obxecto de comunicación pública nas accións que o Colexio Oficial de Xoiaría poida levar a cabo relacionadas co certame.

Todos os participantes ceden ó Colexio Oficial de Xoiaría o uso dos deseños presentados, que poderán ser obxecto de exposición e/ou difusión pública por calquera medio de comunicación.
Os dez deseños finalistas quedarán en propiedade do Colexio Oficial de Xoiaría.

O Colexio Oficial de Xoiaría resérvase a interpretación das presentes bases, prevalecendo o seu criterio en caso de discrepancia e tendo en conta que el Xurado pode declarar total ou parcialmente deserto o concurso.

Protección de datos: Os datos persoais dos participantes quedan incorporados ós ficheiros do Colexio Oficial de Xoiaría, Ourivaría, Prataría Reloxaría e Xemoloxía de Galicia, formando parte dun ficheiro automatizado ó obxecto de realizar actividades propias deste Colexio e do concurso.

Entendemos que os participantes nos autorizan a manter e usar os datos máis arriba indicados coa finalidade descrita e a súa cesión á Administración Pública e ás empresas de servizos que de forma estable colaboran co Colexio: Cofila Asesores, S.L. e García Cumplido-Abogados.

Poderanse exercer en calquera momento os dereitos de oposición, acceso, rectificación e cancelación dos seus datos, dirixindo un escrito ó Colexio Oficial de Xoiaría, Ourivaría, Prataría, Reloxaría e Xemoloxía de Galicia ó seguinte enderezo: Ramón Cabanillas, 5-7, 2ºB- 15701 Santiago de Compostela (A Coruña), acompañado de copia do D.N.I.